09 diciembre 2009

Cagarse por catarse

Insisto: este blog intenta versar sobre cine, audiovisual e artes. Non obstante, veño de ver algo que me deixou con mal corpo. Seino, non debín ter prendido o televisor. Mais fíxeno e o dano non é reversible.

É algo coñecido que a programación adoita ser deprimente e despois de comer nin tan sequera chega a obter o rango de programación. Mergullei a miña desesperación entre a variada oferta da TDT e pasei por Telecinco para descubrir arrepiado que ó fin acadaron a cagarse de todo este lío: presentador (un vulgar impresentable) e convidados (vampíricos fagocitadores/sintetizadores de merda) atopábanse facendo unha entrevista en inmellorable localización: os urinarios do plató.

Que máis se pode pedir? A poesía amósase con exceso de prebe ante os ollos de quen, sen ser un cultureta, ten o estómago doente.

P.S. Desculpas por tanta sorna
, pero éche a única fórmula da que dispoño para non me enrabechar de verdade coas cousas que ao final teñen unha importancia relativa.

28 noviembre 2009

Fe de erros (7)

Lembro cando soñaba con formar parte dunha compañía de teatro, moito antes de coñecer as delicias do cine (da montaxe) na Escola de Imaxe e Son. Entón era un actor valente. Moi bon, por certo. Capaz de actuar e dirixir a un nivel extraordinario. Vaia bosta máis gorda. Vése que con menos anos, menos apretan tamén as exixencias e máis xeneroso se é na consideración dun mesmo. Pero o mundo evoluciona cunha arritmia vertixinosa e pasa por riba de nós asoballándonos. O tempo pon a cada un no seu lugar. Carallo, é que é verdade.

Un día empezas a dubidar do teu tamaño. É un xiro doloroso, pero necesario. Aceptas que cunha boca tan pequena non pode comer un o mundo todo e tomas a decisión de falar en voz baixa. Cos pés percibindo o chan por vez primeira, avanzas a tombos nunha dirección, pregando que sexa esta a correcta. Agora pensas moito máis cada paso, se cadra porque agora tamén sintes as pedras do camiño. Crúzaste con xente que pasa voando por enriba de ti acarrexando a súa propia mentira e pisándote a testa ás veces. Extraordinarios.

Admito que soñei con dirixir películas, tamén con actuar nunha compañía. Soñei tantas parvadas que cheguei a esquecer que o que realmente necesitaba eran o cine e o teatro, non esa imaxe amorfa de min mesmo: un home-elefante que se cría Adonis.

02 noviembre 2009

Circo e mentiras


Tema: Sad Waltz * Intérprete: Michael Ford

Un circo é unha familia. O lanzador de coitelos traballa coa súa muller. Diana é preciosa. Cando el a ata sobre a area circular, noites de caravana pasan pola súa cabeza. Ela olla cara arriba, a boca aberta da carpa. Polo burato entra un aire fresco que se mestura co abafante alento dos espectadores. Ela fala silenciosa cun deus no que non cre, mais os seus beizos soamente tremen. Recorda. O día de montaxe os artistas descansan. Ela desaparece unhas horas e, preciosa, comparte co mago os caprichos do seu corpo. Unha truca. O seu home, na cociña, deixa a pedra de afiar sobre a mesa. Apreta as mans. Redobre de tambor. O público agarda coa respiración contida. Cos ollos vendados o lanzador acariña o filo metálico dos coitelos. Lanza o primeiro e o aire zoa. Pam. Os outros coitelos caen da súa man e chegan ao chan moito antes de que un berro común inunde o espazo. Coa mirada aínda no ceo ela xa non prega. O lanzador de coitelos tira a venda dos ollos. Diana. O vestido dela muda de cor á altura do corazón. Non é un asasinato, non, pensa. Soamente un accidente laboral. Que chiste tan malo. Os paiasos, detrás do telón, reteñen ao mago que esnaquiza o seu sombreiro de copa. Fin do espectáculo. O lanzador, chorando, corre a desatar a esa preciosidade. A súa muller. E ela... ela ascende cara a boca da carpa, buscando aire fresco.

30 octubre 2009

Use Your Illusion

Este mes que entra cumprirase outro soño. Agardo paciente a que se materialice. Se puiden co paso dos anos sinto que podo co paso dos días. Non estou ansioso, mais si ilusionado.

A ilusión é a única capaz de abater esas ideas nas que un se ve moi, moi pequeno. Ideas que teorizan con non poder acadar o teu soño se naceches nun pobo; que maliciosamente insinúan que un non é ninguén e que polo tanto nada se pode facer; que xogan a compararse con outros que chegaron antes á mesma meta.


Este mes que entra inicio a montaxe dunha longametraxe. Gracias* ao tempo que decidiu agasallarme cunha nova alegría; á familia que me concedeu a posibilidade de escoller un camiño diferente ao que eles mesmos vían como "o camiño bo e seguro"; aos amigos que sendo poucos fan tanto ruido e dan tanto e tanto cariño; aos que visitan este recuncho e aos que nos citan nos seus propios, porque eles manteñen prendida a única chama que necesita un home para tocar o seu soño: a ilusión.

Acabei de escribir e permanezo en silencio durante un breve instante. Releo e agardo. Paciente. Non estou ansioso, mais si ilusionado.
____________
* Polo momento négome a escribir "grazas" polo falso que me sona.

13 octubre 2009

Nena da praia

Na ponte do Pilar visitamos Asturias (concretamente Luarca). Tanto a costa como os pobos de montaña (no interior) son verdadeiro arte natural. Aló xestouse esta micrometraxe feita coa cámara de fotos.

NENA DA PRAIA



Tedes a disposición os subtítulos para a versión en español.

08 octubre 2009

Animalario

Hai un par de semanas fun ao cine con Martin, único ser humano no mundo (a día de hoxe*) coa capacidade de sacarme da quietude de Cerceda para gozar da carnicería de Malditos Bastardos. A cousa é que nun deses parlamentos ególatras nos que tanto se gosta Tarantino, un dos protagonistas pregúntase por qué nos dan noxo as ratas e non así os esquíos, que son practicamente iguais (agás pola cola).

E niso o bo de Quentin leva razón, porque hai animais socialmente ben (e mal) vistos dependendo da cultura á que pertenzas. Porque, falemos claro: quen de vós quixera ser porco, cascuda ou lesma? Mais, ai, que boíñas son as formigas que traballan a reo, que bonitiñas facendo as súas ringleiras, sorteando obstáculos, portando dez veces o seu propio peso. Que feitiñas e como se organizan.

Sexa como sexa, son consciente de que o proxecto de deseño que vos quería recomendar nesta entrada, non tería posiblemente o mesmo tirón se chega a chamarse o porco amarelo, a cascuda vermella, ou a lesma multicolor.


Hai un ano, a xente de La hormiga azul empezou a crer nas súas inquedanzas e a publicar pequenos traballos reunidos nun fanzine. Se cadra víronse identificados coas formigas porque xuntos tiran máis partido de si mesmos como individuos; ou porque agochan no máis profundo, onde normalmente o ollo non chega, un universo único e abraiante (quen sabe!).

Deixo unha ligazón permanente por se queredes colaborar con eles ou, simplemente, visitalos de cando en vez para comprobar que a comunidade segue viva, aló no formigueiro. Eles, cada tres meses, compartirán a súa arte con todos nós sen prexuizos polo feito de sermos porcos, ratas, esquíos, cascudas ou lesmas.

_____________
* Admítense invitacións.

18 septiembre 2009

Tragando area

Teño a necesidade de saír deste dique seco.

Hai meses que debo re-dixitalizar Aurora e non lle atopo o momento. Unhas veces é a vida mesma e outras a desidia as culpables de que a día de hoxe o proxecto se atope no mesmo semáforo en vermello que estaba onte.

E a situación tenche as súas consecuencias. As máis inmediatas son a ansiedade e o bloqueo. Síntome incapaz de escribir nada novo mentres Aurora non cobre vida definitivamente. É unha sensación como de estar retendo a respiración a moitos metros de profundidade, baixo o mar, cando hai xa varios segundos que non aguanto máis. Teño a certeza de estar defraudando aos que se deixaron a pel na rodaxe e son demasiado frecuentes as noites nas que me acompañan os soños repetitivos de guións patéticos xa descartados.

Co cambio de vivenda deixei atrás unha cidade que me activaba con cada pintada, con cada conversa anónima, deixei atrás ecos de coches e a inercia de escribir para contalo. Perdón.